O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, asistiu hoxe en Ferrol á entrega de certificados FSC de xestión forestal á Asociación de Produtores de Madera de Cerdido (PROMACER) e ao Grupo de Xestión Forestal Sostible do Norte (XEFOSNOR). Trátase de certificacións importantes ao referirse a conxuntos de pequenas parcelas.

A certificación forestal é un procedemento voluntario polo cal unha terceira parte (neste caso a entidade FSC) garante que a xestión se fai de acordo cunha determinada especificación técnica. Como tal, constitúese nunha ferramenta de mercado que favorece a expansión e a exportación dos produtos forestais, ao conter un valor engadido que incrementa a súa demanda ou evita posibles barreiras comerciais.

Esta certificación serve tamén como medida de concienciación medioambiental, informando aos consumidores da procedencia dos produtos en venda e indicando expresamente que son “provenientes de montes xestionados de forma sostible”.

Iniciativas de ámbito mundial
As principais iniciativas de certificación en España son PEFC e FSC, ambas entidades non gobernamentais, independentes, sen ánimo de lucro e de ámbito mundial. As siglas PEFC corresponden ao nome en inglés Programme for the Endorsement of Forest Certification. No caso de FSC trátase do Forest Stewardship Council.

Neste acto, ademais da propia entrega das certificacións, participaron diferentes expertos na materia, que falaron de aspectos como a súa importancia internacional e a situación en España ou o caso particular das pequenas propiedades forestais que representan a asociación PROMACER e o grupo XEFOSNOR, cuxos representantes interviñeron tamén.

http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/3240/duas-entidades-galegas-conseguen-certificacion-forestal-fsc-que-avala-calidade